Arquivo | Teatro RSS feed for this section

Unha hora na vida de Stephan Zweig

21 Out

Onte fun ver a obra de teatro “Unha hora na vida de Stephan Zweig” representada en Santiago pola compañía Lagarta Lagarta no Salón Teatro.

O pouco que sabía do escritor Stephan Zweig completeino con algúns artigos atopados na rede. Trátase dun escritor de principios do século vinte de moita sona na súa época que foi perdendo visibilidade co paso dos anos trala súa morte. Precisamente a circunstancia da súa morte foi o que máis chamou a miña atención. Suicidouse no ano 42 en Brasil tras ter escapado da guerra en Europa.

A súa condición de xudeo austríaco obrigouno a exiliarse e a percorrer unha serie de países ata chegar a Brasil, onde tras saber do dominio nazi en case que toda Europa e perdendo toda esperanza decide suicidarse xunto coa súa segunda esposa, a que fora a súa secretaría.

O primeiro que me deu por cavilar despois de coñecer o seu tráxico final, é coma un escritor do seu éxito e da súa calidade recoñecida por todos toma esa decisión cando xa se encontra a salvo nun país ao que louva nun dous seus últimos libros e vivindo coa muller a que ama.

O sentimento que me produce o seu final é contradictorio pois por unha parte entendo a pérdida de esperanza na humanidade e no valor da cultura e a terrible desesperanza que isto produce na súa persoa. Pero por outra banda o seu suicidio coma calquera suicidio non deixa de ser unha rendición final.

Ista contradicción é un dos temas principais da obra. A obra comeza coa lectura por parte de Lotte, a súa muller interpretada por Belén Constenla, da nota de suicidio redactada por Zweig, Ernesto Chao, e continúa cos preparativos para deixar todo pechado antes do pasamento autoinflixido e premeditado que levará a cabo a parella ese mesmo día.

É neses intres cando reciben a visita dun descoñecido que remata de chegar coma refuxiado dende Europa o igual ca eles. Cando descubre a decisión tomada pola parella peguntarase polas razóns que os leva a tomar esa decisión e cuestionará as mesmas propiciando o tema central da obra. O escritor refúxiase nunha ataraxia moi propia dos escritores de principios do século vinte descrita por exemplo na súa frase – o mal soamente se atopa na alma de cada individuo o cal pode escudarse nun refuxio interno para evitar que lle afecte toda circunstancia externa á súa persoa – .  Isto choca frontalmente coa súa situación actual na que está disposto a quitarse a vida diante da irremediable tristura provocada polos terribles acontecementos da época.

A personaxe do nervoso e imprevisto visitante é interpretada por un espectacular César Cambeiro no que para min é o mellor da obra. Dende que irrumpe na escea atrapa a atención do espectador coa súa desesperación mal disimulada que vai deixando escapar pouco a pouco e de xeito maxistral.

Disfrutei da obra e en especial da actuación de César Cambeiro, e inda por riba de forma gratuita pois estaba enmarcada dentro da Mostra de Artes Escénicas que se celebrou esta semana en Santiago dirixida a programadores e ó público en xeral.

%d bloggers like this: